jueves, 18 de mayo de 2017

RAP DE CARLOS CASARES

Déixovos o Rap de Carlos Casares que fixo o noso compañeiro Raúl.
Nel cóntanos a vida e obra do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas.
Espero que vos guste...




jueves, 11 de mayo de 2017

DESEMPATE DEFINICIÓNS ENGANOSAS

O concurso das Definicións enganosas celebrado durante todo o curso chegou á súa fin.
A próxima semana celebraremos unha Maratón cos finalistas (tres por aula). Como nalgunha aula tiñamos empate, fixemos unha proba para desfacelo.
A proba resultoulles un pouco difícil, pero xa temos finalistas.
Deixámosvos aquí a proba realizada para que a poidades facer.
A ver quen é o que as acerta todas!!!


BIO-BIBLIOGRAFÍA DE CARLOS CASARES




Carlos Casares Mouriño nace na cidade de Ourense o 24 de agosto de 1941. Sendo un neno, a súa familia trasládase a Xinzo de Limia, onde o pai, Francisco Casares, traballará como mestre. A súa infancia desenvólvese nun ambiente entre aldeán e vilego, entre Xinzo e as aldeas de Beiro, Lamas e Sabucedo, que deixará unha fonda pegada na súa obra. Neste ambiente rural beberá Carlos un galego tradicional e plenamente vivo, que lle servirá de alicerce para toda a súa produción como escritor e orador. Así e todo a súa nai era castelán-falante, polo que a infancia do escritor ía ser unha infancia bilingüe, de contacto directo con ambas linguas. No entanto, Carlos afirmaría en entrevistas posteriores “eu expreseime de sempre moito mellor en galego”, lingua que defendeu arreo e por cuxo porvir estivo preocupado durante toda a súa vida.
No ano 1952 ingresa no seminario de Ourense, onde descobre a súa faceta de escritor grazas ao profesor de literatura Agustín Madarnás, de quen o propio Carlos dirá que o marcou profundamente. Neste novo ambiente o autor sentirá en carne propia a represión lingüística da época, ao estarlles prohibido a todos os rapaces falaren galego en calquera dos eidos da súa vida no seminario: “cada vez que dicías unha verba en galego tiñas que escribir mil, cinco mil, dez mil veces: no hablaré gallego, no hablaré gallego”. Nesta etapa escribe un xornal semanal, El Averno, do que era o "director e único redactor".
Cando abandona o seminario, segue os estudos de bacharelato por libre en Xinzo de Limia. En 1959 gaña un concurso de relatos breves e isto permítelle coñecer a Vicente Risco, membro do xurado, e participar nos seus faladoiros literarios dos cafés Parque, Miño ou Volter. Alí contactará con outros escritores e artistas como Arturo Lezcano, Ferro Couselo, Xaime Quesada ou Xaquín Lorenzo.
No ano 1961 trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras e incorpórase ao grupo de galeguistas liderado por Ramón Piñeiro.
En Compostela participa, como dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, no movemento universitario de protesta contra o franquismo. Entre as actividades que organiza ADE cómpre salientar o concerto de Raimon na cidade, preludio do 68 compostelán e xerme do movemento Voces Ceibes, a expresión galega da canción protesta. Casares inflúe na galeguización do movemento universitario ao participar na tradución ao galego do folleto coas letras do cantautor catalán.
En 1967 publica a súa primeira obra, Vento ferido, un libro de relatos xuvenís con técnicas innovadoras e influxo do experimentalismo europeo e americano. Nestes relatos inzados de soidade e fatalismo aparecen xa os temas que se repetirán na súa obra, como a violencia, a opresión e a intolerancia nas relacións humanas.
Ao ano seguinte sae do prelo a súa primeira obra de relatos infantís, A galiña azul e, de alí a pouco, a primeira obra infantil de teatro, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). En 1969 empeza a impartir docencia en Viana do Bolo pero é inhabilitado por defender o dereito ao comedor gratuíto para os nenos pobres e ten que marchar a Bilbao. En 1974, despois de aprobar as oposicións, exercerá como profesor en Cangas do Morrazo e posteriormente en Nigrán.
No ano 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, coñece unha rapaza sueca, Kristina Berg, coa que casa e que lle abre as portas de Suecia. Este país converterase nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada.
Nestes tempos afiánzase como escritor e inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro no xornal La Región de Ourense e posteriormente en La Voz de Galicia. En 1981 preséntase como galeguista independente nas listaxes do PSdeG-PSOE ás primeiras eleccións ao Parlamento e é elixido deputado. Como parlamentario, participa na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, na creación do Consello da Cultura Galega e da Radio e Televisión de Galicia e na elaboración da campaña Fálalle Galego.
Son anos de intensísima actividade intelectual nos que preside o Consello da Cultura Galega, dirixe a revista Grial, colabora activamente coa Real Academia Galega (da que é membro desde 1977), dirixe a Editorial Galaxia, preside o PEN Club e no 2000 participa con outros 80 escritoras e escritores no Expreso da Literatura Europea que percorre Europa desde Lisboa ata San Petersburgo.
Ademais, desde 1992 escribe a columna "Á marxe" para o xornal La Voz de Galicia e segue a publicar títulos de narrativa.
Da súa prolífera obra cómpre salientar obras como Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), O galo de Antioquía (1994), Deus sentado nun sillón azul (2000) e Un polbo xigante (2000). Deixounos tamén moitas publicacións destinadas ao público infantil. Á parte de A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, publicou Lolo anda en bicicleta ,  O can Rin e o lobo Crispín ou a serie Toribio.
Cómpre tamén subliñar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Vicente Risco. Da súa faceta como tradutor, pódese destacar a tradución ao galego de obras como O Principiño de Saint-Exupéry ou O vello e o mar de Hemingway.
Ao longo da súa traxectoria como escritor recibiu numerosos recoñecementos e premios entre os que destaca o Premio da Crítica Española (1976) por Xoguetes pra un tempo prohibido, os premios de xornalismo Fernández-Latorre (1983) e Julio Camba (1995) e o Premio da Crítica Española e de Galicia (1997) por Deus sentado nun sillón azul.
Falece en Vigo o 9 de marzo de 2002, despois de entregar na imprenta a versión definitiva de O sol do verán.
Carlos Casares, humanista e cosmopolita, non só se nos revela como unha figura indispensable do panorama cultural galego do século XX senón tamén como un dos principais renovadores da literatura galega contemporanea.



martes, 9 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (X)



 A Editorial Galaxia comezou ao pouco tempo de falecer Carlos Casares a recompilación dos artigos publicados por este no xornal La Voz de Galicia, un traballo que se abriu en 2005 coa edición deste Á marxe, 1992. Obra xornalística I. O espazo denominado ‘Á marxe’, que comezara a aparecer de xeito esporádico a finais dos anos oitenta, fíxose diario a mediados do 1992, e desde o comezo os textos contan co estilo natural e coa prosa limpa que os farían tan valorados polos lectores.


                  
                                             
                                                                         
As columnas de Casares son de difícil clasificación, pois nelas combínanse o xornalismo de creación e a opinión coa anécdota humorística, a observación do día a día e os apuntes eruditos, tan do gusto do seu autor. No 1992 Casares deixou anotadas nesta sorte de caderno diario persoal as súas visións sobre temas do momento coma o atentado islámico no garaxe das Torres Xemelgas de Nova Iork (preludio do desastre que viría en 2001), o derrubo do pouco que quedaba do réxime soviético na URSS e as que foran as súas repúblicas satélites ou o auxe da xenofobia en Europa.


                   
                                                                                                             
Polas páxinas desta recompilación pasan personaxes como Lady Di, Woody Allen ou o sobranceiro ciclista Miguel Indurain, pero tamén amigos persoais como Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Torga ou Celso Emilio Ferreiro. Ten Casares tempo para deterse en detalles cotiáns como os problemas dunha folga de transporte ou para dar saída a unha das súas paixóns, a innovación tecnolóxica, falando da realidade virtual. O lector acabará acompañando ao autor nunha viaxe diaria que durará ata marzo de 2002.


                     

           

lunes, 8 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (IX)


Un home rememora o episodio que marcou a súa infancia: a desaparición do criado Nicolás mentres os dous pescaban, arrastrado ao fondo do mar por un mítico polbo xigante. Nun primeiro momento, o rapaz cre o que lle conta a Delfina: que o polbo non é outro que o xastre de Agüeiros, amante da troula, reencarnado e en busca que compañeiros de festa. Co tempo, e tras moito debate con Delfina, o mozo deixará de crer a historia… ou non de todo.
A obra, a última ficción publicada por Carlos Casares en vida, acompañouse con ilustracións de Luis Castro Enjamio, e é un tenro debate entre imaxinación e realidade no que ningunha das dúas partes ten por que saír derrotada.

____________________________



Carlos Casares publicou en 1994 o texto O galo de Antioquía, facendo parte da colección de relatos curtos ‘Os contos do Castromil’, patrocinada pola empresa de transportes. A obra, de 40 páxinas na súa reedición de 2003, é un bo resume de moitos dos temas tocados pola narrativa do autor ao longo da súa traxectoria: a intransixencia fronte a unha mirada compasiva sobre a vida, a fantasía, o humor absurdo e a amizade, situados todos eles, unha vez máis, no pano da paisaxe vilega de Xinzo de Limia, onde Casares pasou a súa infancia.
Conta O galo de Antioquía unha historia do século XVII que ben podería ter feito parte do xogo pseudo histórico de Os escuros soños de Clío: o ferreiro Antonio Mardarro, O Calatrón, comeza a poñer ovos e, de xeito inexplicable, inicia a súa conversión en galo. Tras comentarlle o asunto ao cura da parroquia (un don Marcelo que recorda a tranquilidade e a bondade do protagonista de Ilustrísima), o caso cae nas mans da Inquisición e remata nun auto de fe na Praza Maior da capital da Limia. O ferreiro-galo garda, porén, un as na manga para o derradeiro instante de padecemento.

jueves, 4 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (VIII)


Na súa terceira novela, Carlos Casares acompaña ao protagonista, Elías Paz, desde a nenez nunha pequena vila ourensá ata os tempos de estudante universitario en Compostela. O texto enlaza nunha hábil mestura a segunda e a terceira persoas, no que é considerado o cumio da etapa máis experimental do seu autor.
Xoguetes para un tempo prohibido percorre os diversos escenarios da represión diaria que se vivía na Galicia da ditadura franquista: a violencia imperante nos colexios relixiosos e nas igrexas, primeiro; a descuberta do amor e as relacións entre os dous sexos, condicionadas polas convencións e o medo; a loita política, despois, as súas escuridades e os os seus servilismos; a censura; e a dramática aceptación da derrota, finalmente.
Esta novela de aprendizaxe é considerada un dos fitos da chamada Nova Narrativa Galega e retrata a toda unha xeración, criada na posguerra e que soñou coa revolución nos anos sesenta, para despois verse sumida no desencanto. Xoguetes para un tempo prohibido recibiu o premio Galaxia en 1975, converténdose inmediatamente en referencia da literatura dunha época.
_____________________________
Seguindo coa serie de Toribio...
Aquí o mozo ten unha brillante idea: inventa o Adiantador Liñal de Seguridade.

miércoles, 3 de mayo de 2017

CARLOS CASARES (VII)


Rin é un can vello e forte que sabe falar (e rezar) en varios idiomas e se relaciona cos persoeiros máis importantes da provincia. Xeneroso e ben disposto, dunha vez vese na obriga de ir buscar ao médico para atender á doente Palmira de Ignacio. Camiño da casa da enferma aparece o malvado lobo Crispín, ao que Rin fará fronte con afouteza.
O can Rin e o lobo Crispín emprega os mellores recursos da literatura oral e unhas pingas de surrealismo para contar unha historia divertida que transcorre nun ambiente rural. Galaxia editou esta terceira creación infantil de Carlos Casares en 1983, con debuxos de Pedro de Llano, e a obra foi traducida a diversos idiomas, coma castelán, o catalán ou o euskera.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Viquingos sanguinarios, curas inquisidores, republicanos, fidalgos e masóns xúntanse nas páxinas de Os escuros soños de Clíoun exercicio de ficción histórica en forma de pequenos relatos publicado orixinalmente por Edicións do Cerne en 1979.
Nas súas páxinas preséntanse, con forte pegada cunqueiriana e a modo de descubertas bibliográficas cheas de humor erudito, as peripecias de dous guerreiros nórdicos, Torbjörn e Orm, que atormentaron a Mariña de Lugo tanto de vivos coma de mortos; as proezas do compostelán Antonio F. Caaveiro, alquimista; as invencións do avisador alaricano Narciso de Acuña, que adornaba os acontecementos da vila e corte para deleite do seu correspondente en Galicia, un fidalgo melancólico; os intentos dun frade portugués por descubrir a falsidade dun xudeu de Pontevedra do que se dicía que era inmortal; ou a aventura paranormal de Cagliostro en Compostela.