Para celebrar o ano de Carlos Casares, escritor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, iremos poñendo fragmentos das súas obras, para ilas coñecendo.
_________________
Comezaremos con Toribio e o contador de contos, un libro recomendado para os máis pequenos.
_____________________________
A aparición dun cadáver, morto supostamente en accidente ao comezo da Guerra Civil, vai poñer en marcha unha investigación xudicial que vai dar lugar á novela Os mortos daquel verán, publicada por Galaxia no ano 2004.
Así comeza...
I
En relación co último
escrito desa xefatura, de data do cinco de agosto que corre, no que se solicita
se amplíen referencias respecto da rede ou organización encargada de facer
circular rumores tendentes a destruír a honra de determinadas persoas de boa conduta
e coñecidas polo seu entusiasmo, adhesión e axuda á nova causa, esta
dependencia informa que o día vinte e sete do mes de xullo próximo pasado,
sendo as dezaseis horas e vinte e cinco minutos, presentouse voluntariamente,
sen que fose requirido para tal fin e sen que mediasen recomendacións nin
suxerencias de ningún tipo, un individuo que se identificou a si mesmo como
Avelino López Furelos, de corenta e seis anos de idade, de profesión xastre,
casado e con cinco fillos, sen antecedentes e con boa conduta, o cal denunciou
que oíra dicir no seu negocio, non podendo precisar exactamente o nome da
persoa que o fixera, que un home que desde hai nove días vive na rúa de
Peligros andaba dicindo por aí que o boticario da praza Maior, don Modesto
Vilariño Dacal, non morrera de accidente, como se dixera, que el sabía de certo
que o mataran e que precisamente o matara don Andrés Fuentes Iglesias, o dono
da Fábrica, ou que polo menos o mandara matar. Informou tamén o denunciante que
a el lle constaba que o tal dito do tal home era unha calumnia, ademais de ser
unha ignominia, que el coñecía a don Andrés Fuentes Iglesias desde neno,
quérese dicir desde que o denunciante era neno, e que o tivera sempre e o
seguía tendo e o tería ata a fin por persoa de ben e que as voces en contra del
que por aí andaban carecían de fundamento, polo que tomara a determinación, de
acordo coa súa muller, de dar parte por estas cousas que escoitara.
No hay comentarios:
Publicar un comentario