Adiantándose ao fenómeno das sagas literarias infantís, Carlos Casares encetou no arranque dos anos noventa a serie de libros nos que o protagonista é Toribio, un neno de oito anos cun enxeño fóra do común. Cheas de humor e imaxinación e marcadas polos fabulosos inventos do seu personaxe principal, as historias, sempre didácticas, reflicten unha das facetas da personalidade do autor: a fascinación pola tecnoloxía.
A serie, editada na súa integridade por Galaxia, abriuse en 1991 con Este é Toribio, que presenta ao protagonista, debuxado desde este primeiro volume pola ilustradora Penélope Ares.
________________________________________
Casares comeza Deus sentado nun sillón azul describindo unha muller que observa a través dunha ventá. Na casa de enfronte, le e fuma sentado nun sillón azul. Ela ve un ser avellentado que semella agardar algo escuro e terrible, xa non é aquel profesor mozo, brillante e inchado coa superioridade dun Deus. Transcorrerá xa un tempo marcado pola dor e o desexo, polo amor e o crime. Un tempo inzado de palabras e actos sobre os que a memoria bota nova luz.
Casares constrúe unha ficción na que a narración axuda a reflexionar sobre o papel dos intelectuais, a súa responsabilidade e as relacións co poder.
Deus sentado nun sillón azul tamén é unha esclarecedora meditación sobre a elaboración da memoria e a influencia do paso do tempo sobre o xeito de entender a vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario