jueves, 27 de abril de 2017

CARLOS CASARES (VI)



A violencia diaria, exercida de pais a fillos, de homes a mulleres, entre compañeiros; a dureza da vida, primeiro nas cidades e despois no estranxeiro; e a falta de expectativas durante os anos centrais da ditadura. Con estes elementos compuxo Carlos Casares Cambio en tres, unha das súas obras máis experimentais, que entroncou no seu día coa prosa europea de vangarda.
Escrita coma un torrencial monólogo interior, a obra é orixinal desde a mesma estrutura dos capítulos e a composición tipográfica de moitas das páxinas máis reflexivas. Cambio en tres arranca co regreso a Galicia dun emigrante para enterrar un compañeiro e retrata a súa amizade desde a infancia ata a súa vida en Francia.
Publicado pola Editorial Galaxia en 1969, este primeiro texto longo de Casares fai un retrato dun Ourense de aluvión e barriadas, habitado por persoas que loitan por sobrevivir con traballos esporádicos e o alcol como medio de evasión barato.
_________________________________________


Lolo ten o soño de andar en bicicleta, mesmo de ter unha bici de seu. Pero fixo un día unha trasnada das gordas e os Reis Magos, no canto de bici, deixáronlle carbón. De todos modos, Lolo empeza a practicar coa bici do seu pai ás agachadas...

Lolo anda en bicicleta é un dos contos para nenos que nos deixou Carlos Casares, autor que destacou polo seu apoio e atención ao desenvolvemento dunha literatura infantil de calidade en galego. Manuel Uhía, un dos máis veteranos debuxantes galegos, obtivo con esta obra o Premio "Rañolas" ao mellor libro ilustrado.



No hay comentarios:

Publicar un comentario