jueves, 20 de abril de 2017

CARLOS CASARES (IV)



Ilustrísima é un canto á bondade e á humanidade da xente e un alegato contra o dogmatismo e a violencia. Situada nos primeiros anos do século XX nunha pequena cidade galega, que ben podería ser o Ourense natal de Casares, relata os conflitos entre un bispo intelixente e bondadoso e algúns dos membros máis intrasixentes da curia diocesana enfrontados entre si pola culpa da chegada do cinematógrafo.

________________________




Unha historia para ler e para representar.

As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas é unha pequena peza dramática desbordante de alegría, que Carlos Casares escribiu a principios dos setenta e se converteu pronto nun clásico do teatro infantil.

Polo escenario de As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas pasan personaxes ben particulares: unha muller que todo o sabe, un gordo obsesionado coa tortilla, un home con escopeta, un ovo xigante que fala… provocando todo tipo de equívocos e de situación imposibles.

lunes, 3 de abril de 2017

CARLOS CASARES (III)

Para os máis pequenos e non tan pequenos...

A GALIÑA AZUL

Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas roxas na ala dereita. É unha galiña moi bonita e moi rara.
Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas sinón que di cocorocó. E isto ten preocupadas ás autoridades.
Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregara a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que soio é para que a vexa o veterinario, o certo é que, según dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, á galiña vana matar.
O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaracións que fixo para a televisión e para os periódicos, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque -según Manolito Listón- unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é unha galiña como é debido.




_________________________________


O SOL DE VERÁN. Derradeira novela de Carlos Casares




O suicidio de Carlos desata as lembranzas de Helena, que evoca os veráns compartidos da nenez, á vez que indaga nos motivos desa acción brutal e sorprendente. Unha historia de amor e morte; tamén, canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida; a enorme riqueza de O sol do verán reside no poder evocador das lembranzas e na capacidade do autor para compartilas. Xunto a un inigualable traballo cos personaxes, que logran adquirir a verosemellanza do real, a recreación de certos momentos da infancia fan desta novela unha das obras ineludibles para calquera lector galego que guste do trato con esa literatura que, como di Albert Camus na frase que enceta o libro, se basea na "verdade de ser e de sentir".




martes, 28 de marzo de 2017

Definicións enganosas

O concurso das Definicións enganosas segue adiante e con moito interese por parte do alumnado.







CARLOS CASARES (II)

Seguimos coa obra de Carlos Casares.

Para os máis pequenos deixámosvos outro dos libros protagonizado por Toribio: Toribio contra o profesor Smith.


__________________

A obra literaria de Carlos Casares é unha das máis interesantes da literatura galega do século XX, e iníciase en 1967 con Vento ferido. Nestes doce relatos marcados pola violencia, a soidade e o fatalismo, abrolla a mirada, xa orixinal, tinxida pola necesidade de comprensión e o impulso solidario, do autor. Narrativa innovadora, que busca a plena comunicación co lector para afondar nos sentimentos e na vivencia humana do tempo. 


A RAPAZA DO CIRCO
Mirou pola fiestra. Víase a carpa do circo que se erguía entre os carballos do feiral.
Está castigado. Cando el saia, a sesión da tarde terá rematado. E despois de cear non o deixarán ir.
A cousa empezou por culpa dunha aposta. Os de quinto estudaban na aula II, que tiña acceso directo desde o portal sen pasar polas demais dependencias do colexio. Podían ver a rúa e meterse coas rapazas que pasaban sen que ninguén os vixiase. Cando viron a Anne, avisárono:
—Mira a francesiña do circo.
El coñeceuna de casualidade. Unha tarde, a iso das seis, estaba sentado nun banco do xardín e advertiu que se achegaba unha rapaciña loira, de melenas longas, vestida cun pantalón curto. Con acento francés preguntoulle onde podería atopar un médico. Acompañouna. Polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai, un antigo xendarme, atopábase malo (pouca cousa: talvez unha mala dixestión), e que pedira que lle levasen un médico. El apenas falou. Ao chegaren á clínica indicoulle: “Aquí”. Ela deulle as grazas e invitouno a pasar pola taquilla, onde lle facilitaría un par de entradas para a función das oito.
Foi. Antes de subir ao trapecio, a rapaza, vestida de pescadora, cantou. Na metade da canción dirixiuse á butaca que ocupaba el e botoulle o sedal da cana, mentres lle dicía entre os risos de todos: “Pica, pica, pececito”.
Volvéronse atopar ao día seguinte.
Despois víronse todos os días. Pasaban as tardes no río. Deitábanse na area. Enterrábanse. Nadaban. Ela faláballe de Marsella, da súa infancia. El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte do porto, os barcos que Anne despedía cun pano branco desde o faiado, a tía Françoise, Jules... ¿Como sería aquel Jules que lle dera o primeiro bico no portal?
—Era loiro coma min. E moi apencado.
—¿Lémbraste del?
El tiña un sombreiro de palla sobre dos ollos para tornar o sol. Volveulle preguntar:
—¿Lémbraste del?
Sentiu os labios dela que se pousaban nos seus. Foi como un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.
Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del.
Pronto correu a noticia de que se vían no río. Na casa rifáronlle. “¡O que me faltaba —dixera seu pai—, un fillo titiriteiro!”
Pero seguíanse vendo ás agachadas.
Hoxe os compañeiros de quinto desafiárono.
—A que non es home de subila para aquí...
Non o dubidou. Asomouse á ventá e chamouna:
—¡Anne...!
Subiu. Recibiuna no vestíbulo e metéronse no laboratorio. Pecharon a porta por dentro e taponaron o buraco da pechadura cun cacho de papel. Os de quinto armaban barullo fóra. El ensinoulle as bolboretas, as pedras, os lagartos e as cobras metidos en formol... Pediulle un alfinete e picouse nun dedo. Amosoulle o sangue a través do microscopio.
—¿Sabes unha cousa? —dixo ela.
—¿Que?
—Que nos imos mañá.
Colleuna pola cintura e bicouna.
E naquel momento chegou o director.
Cando saia, será xa de noite e terase que ir para a casa sen vela, sen lle explicar, sen lle dicir o que ocorreu. E despois de cear dirá: “Quero ir ao circo”. E o seu pai responderá: “Non”. Entón irá á cama. E pensará: “Os vellos non saben”. E os vellos (non tan vellos), no seu cuarto nin sequera se lembrarán del e da francesiña Anne. E el ha tardar en durmir, pero durmirá. ¿Durmirá?
Mañá, ao se erguer, sentirase triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Non a volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca.

Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ao campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.





jueves, 23 de febrero de 2017

Día de ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro
Os alumnos de 1º da ESO traballaron sobre esta figura.
Aproveitando a documentación que hai dispoñible na páxina da Fundación Rosalía de Castro, o alumnado expuxo a vida desta autora. Fixo ademais un esquema sobre a súa obra, clasificándoa en prosa e en verso, e segundo estivera escrita en galego ou en castelán.
Investigaron que era a Casa da Matanza e a importancia que esta tivo na actividade literaria de Rosalía.

Para rematar, escoitaron versións musicadas dalgúns dos seus poemas.
Quedan aquí os enlaces das máis coñecidas:
"Negra sombra", Luz Casal.
"Campanas de Bastabales", Amancio Prada.


lunes, 13 de febrero de 2017

CARLOS CASARES (I)




     Resultado de imagen de carlos casares

Para celebrar o ano de Carlos Casares, escritor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, iremos poñendo fragmentos das súas obras, para ilas coñecendo.
                            _________________

Comezaremos con Toribio e o contador de contos, un libro recomendado para os máis pequenos. 



    _____________________________

A aparición dun cadáver, morto supostamente en accidente ao comezo da Guerra Civil, vai poñer en marcha unha investigación xudicial que vai dar lugar á novela Os mortos daquel verán, publicada por Galaxia no ano 2004.

                              

Así comeza... 
I

En relación co último escrito desa xefatura, de data do cinco de agosto que corre, no que se solicita se amplíen referencias respecto da rede ou organización encargada de facer circular rumores tendentes a destruír a honra de determinadas persoas de boa conduta e coñecidas polo seu entusiasmo, adhesión e axuda á nova causa, esta dependencia informa que o día vinte e sete do mes de xullo próximo pasado, sendo as dezaseis horas e vinte e cinco minutos, presentouse voluntariamente, sen que fose requirido para tal fin e sen que mediasen recomendacións nin suxerencias de ningún tipo, un individuo que se identificou a si mesmo como Avelino López Furelos, de corenta e seis anos de idade, de profesión xastre, casado e con cinco fillos, sen antecedentes e con boa conduta, o cal denunciou que oíra dicir no seu negocio, non podendo precisar exactamente o nome da persoa que o fixera, que un home que desde hai nove días vive na rúa de Peligros andaba dicindo por aí que o boticario da praza Maior, don Modesto Vilariño Dacal, non morrera de accidente, como se dixera, que el sabía de certo que o mataran e que precisamente o matara don Andrés Fuentes Iglesias, o dono da Fábrica, ou que polo menos o mandara matar. Informou tamén o denunciante que a el lle constaba que o tal dito do tal home era unha calumnia, ademais de ser unha ignominia, que el coñecía a don Andrés Fuentes Iglesias desde neno, quérese dicir desde que o denunciante era neno, e que o tivera sempre e o seguía tendo e o tería ata a fin por persoa de ben e que as voces en contra del que por aí andaban carecían de fundamento, polo que tomara a determinación, de acordo coa súa muller, de dar parte por estas cousas que escoitara.

Definicións enganosas

Seguimos co concurso das "Definicións enganosas".
Algunhas deron bastante que falar. Foi o caso de:


Esta definición tiña unha pequena trampa, que só pillaron os máis avezados.
Como definicións poderían ser correctas a B e a C, pero na opción C indícase que é un substantivo feminino (S. f.)...

Outras das definicións postas ata o de agora foron:




Esta última tamén deu que falar. A maioría do alumnado inclinouse pola opción A. Non é unha palabra moi coñecida por esta zona...