Rin é un can vello e forte que sabe falar (e rezar) en varios idiomas e se relaciona cos persoeiros máis importantes da provincia. Xeneroso e ben disposto, dunha vez vese na obriga de ir buscar ao médico para atender á doente Palmira de Ignacio. Camiño da casa da enferma aparece o malvado lobo Crispín, ao que Rin fará fronte con afouteza.
O can Rin e o lobo Crispín emprega os mellores recursos da literatura oral e unhas pingas de surrealismo para contar unha historia divertida que transcorre nun ambiente rural. Galaxia editou esta terceira creación infantil de Carlos Casares en 1983, con debuxos de Pedro de Llano, e a obra foi traducida a diversos idiomas, coma castelán, o catalán ou o euskera.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Viquingos sanguinarios, curas inquisidores, republicanos, fidalgos e masóns xúntanse nas páxinas de Os escuros soños de Clío, un exercicio de ficción histórica en forma de pequenos relatos publicado orixinalmente por Edicións do Cerne en 1979.
Nas súas páxinas preséntanse, con forte pegada cunqueiriana e a modo de descubertas bibliográficas cheas de humor erudito, as peripecias de dous guerreiros nórdicos, Torbjörn e Orm, que atormentaron a Mariña de Lugo tanto de vivos coma de mortos; as proezas do compostelán Antonio F. Caaveiro, alquimista; as invencións do avisador alaricano Narciso de Acuña, que adornaba os acontecementos da vila e corte para deleite do seu correspondente en Galicia, un fidalgo melancólico; os intentos dun frade portugués por descubrir a falsidade dun xudeu de Pontevedra do que se dicía que era inmortal; ou a aventura paranormal de Cagliostro en Compostela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario