jueves, 27 de abril de 2017

CARLOS CASARES (VI)



A violencia diaria, exercida de pais a fillos, de homes a mulleres, entre compañeiros; a dureza da vida, primeiro nas cidades e despois no estranxeiro; e a falta de expectativas durante os anos centrais da ditadura. Con estes elementos compuxo Carlos Casares Cambio en tres, unha das súas obras máis experimentais, que entroncou no seu día coa prosa europea de vangarda.
Escrita coma un torrencial monólogo interior, a obra é orixinal desde a mesma estrutura dos capítulos e a composición tipográfica de moitas das páxinas máis reflexivas. Cambio en tres arranca co regreso a Galicia dun emigrante para enterrar un compañeiro e retrata a súa amizade desde a infancia ata a súa vida en Francia.
Publicado pola Editorial Galaxia en 1969, este primeiro texto longo de Casares fai un retrato dun Ourense de aluvión e barriadas, habitado por persoas que loitan por sobrevivir con traballos esporádicos e o alcol como medio de evasión barato.
_________________________________________


Lolo ten o soño de andar en bicicleta, mesmo de ter unha bici de seu. Pero fixo un día unha trasnada das gordas e os Reis Magos, no canto de bici, deixáronlle carbón. De todos modos, Lolo empeza a practicar coa bici do seu pai ás agachadas...

Lolo anda en bicicleta é un dos contos para nenos que nos deixou Carlos Casares, autor que destacou polo seu apoio e atención ao desenvolvemento dunha literatura infantil de calidade en galego. Manuel Uhía, un dos máis veteranos debuxantes galegos, obtivo con esta obra o Premio "Rañolas" ao mellor libro ilustrado.



lunes, 24 de abril de 2017

CARLOS CASARES (V)

Adiantándose ao fenómeno das sagas literarias infantís, Carlos Casares encetou no arranque dos anos noventa a serie de libros nos que o protagonista é Toribio, un neno de oito anos cun enxeño fóra do común. Cheas de humor e imaxinación e marcadas polos fabulosos inventos do seu personaxe principal, as historias, sempre didácticas, reflicten unha das facetas da personalidade do autor: a fascinación pola tecnoloxía.
A serie, editada na súa integridade por Galaxia, abriuse en 1991 con Este é Toribio, que presenta ao protagonista, debuxado desde este primeiro volume pola ilustradora Penélope Ares. 



________________________________________


Casares comeza Deus sentado nun sillón azul describindo unha muller que observa a través dunha ventá. Na casa de enfronte, le e fuma sentado nun sillón azul. Ela ve un ser avellentado que semella agardar algo escuro e terrible, xa non é aquel profesor mozo, brillante e inchado coa superioridade dun Deus. Transcorrerá xa un tempo marcado pola dor e o desexo, polo amor e o crime. Un tempo inzado de palabras e actos sobre os que a memoria bota nova luz.
Casares constrúe unha ficción na que a narración axuda a reflexionar sobre o papel dos intelectuais, a súa responsabilidade e as relacións co poder.
Deus sentado nun sillón azul tamén é unha esclarecedora meditación sobre a elaboración da memoria e a influencia do paso do tempo sobre o xeito de entender a vida.







jueves, 20 de abril de 2017

CARLOS CASARES (IV)



Ilustrísima é un canto á bondade e á humanidade da xente e un alegato contra o dogmatismo e a violencia. Situada nos primeiros anos do século XX nunha pequena cidade galega, que ben podería ser o Ourense natal de Casares, relata os conflitos entre un bispo intelixente e bondadoso e algúns dos membros máis intrasixentes da curia diocesana enfrontados entre si pola culpa da chegada do cinematógrafo.

________________________




Unha historia para ler e para representar.

As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas é unha pequena peza dramática desbordante de alegría, que Carlos Casares escribiu a principios dos setenta e se converteu pronto nun clásico do teatro infantil.

Polo escenario de As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas pasan personaxes ben particulares: unha muller que todo o sabe, un gordo obsesionado coa tortilla, un home con escopeta, un ovo xigante que fala… provocando todo tipo de equívocos e de situación imposibles.

lunes, 3 de abril de 2017

CARLOS CASARES (III)

Para os máis pequenos e non tan pequenos...

A GALIÑA AZUL

Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas roxas na ala dereita. É unha galiña moi bonita e moi rara.
Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas sinón que di cocorocó. E isto ten preocupadas ás autoridades.
Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregara a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que soio é para que a vexa o veterinario, o certo é que, según dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, á galiña vana matar.
O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaracións que fixo para a televisión e para os periódicos, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque -según Manolito Listón- unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é unha galiña como é debido.




_________________________________


O SOL DE VERÁN. Derradeira novela de Carlos Casares




O suicidio de Carlos desata as lembranzas de Helena, que evoca os veráns compartidos da nenez, á vez que indaga nos motivos desa acción brutal e sorprendente. Unha historia de amor e morte; tamén, canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida; a enorme riqueza de O sol do verán reside no poder evocador das lembranzas e na capacidade do autor para compartilas. Xunto a un inigualable traballo cos personaxes, que logran adquirir a verosemellanza do real, a recreación de certos momentos da infancia fan desta novela unha das obras ineludibles para calquera lector galego que guste do trato con esa literatura que, como di Albert Camus na frase que enceta o libro, se basea na "verdade de ser e de sentir".